xoves, 18 de xuño de 2015

Fin de curso: credes nas recuperacións?

Contra máis experiencia como docente teño, menos creo nos métodos de recuperación do noso sistema educativo.
Son bastante contraria á existencia de setembro. Salvo casos excepcionais, só serve para practicas a teoría do saldo nas notas.
E as recuperacións a finais de xuño? Se temos a sorte dun xuño fresco ou mesmo con mal tempo, as avaliacións transcorrerán mellor. Coa calor e estes "benditos edificios" nos que podemos montar un posto de polos asados, o alumnado derrete neuronas e aboia entre o estrés e os golpes de calor/hormonais.
Inda non atopei un método que me axude a recuperar o máximo de alumnado posible, só sei que estes exames express de pouco ou nada valen despois de atoparme unha resma deles onde o 60% estaban en branco ou case.

luns, 4 de maio de 2015

A rede: unha tea de araña na que é doado caer

As novas xeracións son denominadas "nativos dixitais", mais iso non quere dicir que saiban moverse con todas as consecuencias polo mundo da Internet, especialmente cando falamos das redes sociais.

Un bo vídeo que nos axuda a reflexionar sobre o tema é este do cantante belga Stromae:


Tamén este artigo tirado de El Semanal XL axuda a reflexionar como a acción máis irrelevante na rede pode derivar en serios problemas.

xoves, 23 de abril de 2015

o uso de ambientes persoais no ensino

O mundo virtual ábrese aos docentes e a vertixe aparece con el. Certamente somos en moitas ocasións acusados de inmobilistas, non imos co ar dos tempos. Hoxe en día o ar semella que sopra dirección Internet e nós debemos embarcarnos cara a ela.
Os medos ao descoñecido, a non estarmos actualizados, á rapidez con que este mundo cambia son factores que nos botan para atrás.

Do mesmo xeito, xornadas coma as da fin de semana pasada Xornadas Escol@Tic crean en nós un sentido de culpabilidade, de quedar atrás difícil de desbotar. Cando poderei facer eu todo iso? Canto tempo teño que inverter para facelo? Que rendementos a maiores sacarei? 
É un erro esta postura, pensar que se pode pasar de 0 a 100 nun par de semanas e xa se falamos segundo de que materias, menos aínda.

Grazas ao curso de Creación de Ambientes Persoais para a Aprendizaxe podemos comezar a nos familiarizar coas diferentes ferramentas. Isto non quere dicir que debamos usar todas e cada unha de elas todos e cada un de nós. Na selección e o uso atendendo ás nosas demandas está a clave. E en nos crear hábitos tamén. Conexión non é esclavitude, primeiro dos argumentarios que escoitamos outros. Conexión tampouco é exposición da nosa persoa, outro dos grandes medos. Conexión, finalmente, non é prolongación sine díe da nosa xornada laboral. Por iso é fundamental ter un deseño claro do noso PLE, experimentar con todo e seleccionar aquilo que sexa acaído ao noso xeito de traballar. 

Do mesmo xeito que os nosos pais estudaron dun xeito diferente ao noso porque a súa realidade é diferente da nosa, non podemos esperar que sexa o alumnado quen se adapte a nós e ás nosas vontades. Internet vai ser a súa gran ferramenta de consulta e nos deberemos estar preparados para pilotalos no seu uso: a curación en contidos é o futuro da docencia.

venres, 10 de abril de 2015

docente e curandeira: a tarefa de sherpa de contidos na rede para o alumnado

Nos tempos da Internet a vantaxe de ter todo o que precisamos a golpe de rato pode virarse na nosa contra.
Loito diariamente contra o mal costume do alumnado de ficar na consulta dos tres primeiros enlaces que lles saen no motor de procura; sen criterio, sen filtro, sen interese. Deste xeito atopo derriba da miña mesa 90 traballos que din practicamente o mesmo, Ou peor inda, 90 traballos que repiten o mesmo erro obvio porque non son quen de discernir o que é unha fonte de información fiable e o que é a boa vontade dun anónimo que decide envorcar nunha entrada dun blog o que lembra sobre un tema sen antes contrastalo.
No noso proceso de mutación constante, o profesorado mudamos de transmisores de información a recolectores-seleccionadores. Unha sorte de conseguidores que desbrozan o camiño inzado de contidos faltos de interese ou inadecuados para que os que temos ao noso cargo poidan dirixirse correctamente á meta marcada.
Nova realidade ou nova perspectiva? Eu escoro cara á segunda, posto que como profesora de lingua levo moitos anos "curando" o alumnado de que nas súas mans caian as mellores lecturas que o ser humano ten creado. De feito, neste artigo falan dos bibliotecarios coma os "curators" primixenios.

Profundizando en papel del docente y del bibliotecario escolar como content curator


Agora toca peneirar no universo virtual para evitar que afoguen en datos.
Curiosamente, cando procuramos infografías para apoiar a nosa tese da necesidade de implementar a figura do "curador" (semella que prefiro máis o concepto de "compoñedor" do galego), o que atopo achégase máis ao mundo do marketing do que ao mundo do ensino, lamentablemente.
Porén, non por iso debemos rexeitar esta tarefa como algo alleo ao noso campo. Asumamos que os nosos supostos nativos dixitais non o son tanto e inda lles queda moito que aprender para se moveren axilmente na rede.
Hai ferramentas abondas para realizar o noso traballo. Persoalmente, Pinterest é a aplicación coa que me sinto máis cómoda á hora de traballar. Moi visual, clara, con posibilidade de crear taboleiros temáticos públicos e privados mais sobre todo, moi intuitiva tamén para a rapazada.
Aquí vos deixo o enlace á miña conta que espero que atopedes interesante.

Pinterest

Inda que como, todo o que xorde na rede, pronto esvaece, perde o seu sentido orixinario e comeza a etiquetar cousas moi dispares.

luns, 23 de marzo de 2015

Emigrantes



Esta marabilla en forma de banda deseñada muda é Emigrantes, de Shaun Tan. Seguramente a atopedes nas vosas bibliotecas máis próximas, pois trátase dun libro de referencia na banda deseñada contemporánea.

O fantástico dunha historia sen voz é que vós mesmos podedes achegarlla, crear o fío narrativo que una as imaxes.

Este terceiro trimestre propóñovos traballardes a expresión oral creando unha historia coa que acompañedes as imaxes de Emigrantes.

O resultado do voso traballo debe ser un vídeo (déixovos total liberdade de creación) en que como única condición indispensable debe escoitarse a vosa voz narrando a historia.

O xeito máis doado de facelo é creardes vós un vídeo coa voz en off usando como base estoutro que aparece aquí embaixo.





Hai moitas ferramentas de balde na rede para a edición de vídeos e unha das que seguramente teñades vós nas vosas casas sexa o Windows Movie Maker. Aquí vos deixo un pequeno titorial para poñer a voz en off.


luns, 2 de marzo de 2015

Microrrelatos

A vida moderna, as présas, a falta de tempo... Semella que o microrrelato, un xénero ben antigo, foi feito para os nosos días. Aquí, un exemplo dos relatos en cadea do concurso de microrrelatos levoado a cabo pola Cadena Ser:



Relatos de un minuto