Amosando publicacións coa etiqueta tic. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tic. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de abril de 2015

o uso de ambientes persoais no ensino

O mundo virtual ábrese aos docentes e a vertixe aparece con el. Certamente somos en moitas ocasións acusados de inmobilistas, non imos co ar dos tempos. Hoxe en día o ar semella que sopra dirección Internet e nós debemos embarcarnos cara a ela.
Os medos ao descoñecido, a non estarmos actualizados, á rapidez con que este mundo cambia son factores que nos botan para atrás.

Do mesmo xeito, xornadas coma as da fin de semana pasada Xornadas Escol@Tic crean en nós un sentido de culpabilidade, de quedar atrás difícil de desbotar. Cando poderei facer eu todo iso? Canto tempo teño que inverter para facelo? Que rendementos a maiores sacarei? 
É un erro esta postura, pensar que se pode pasar de 0 a 100 nun par de semanas e xa se falamos segundo de que materias, menos aínda.

Grazas ao curso de Creación de Ambientes Persoais para a Aprendizaxe podemos comezar a nos familiarizar coas diferentes ferramentas. Isto non quere dicir que debamos usar todas e cada unha de elas todos e cada un de nós. Na selección e o uso atendendo ás nosas demandas está a clave. E en nos crear hábitos tamén. Conexión non é esclavitude, primeiro dos argumentarios que escoitamos outros. Conexión tampouco é exposición da nosa persoa, outro dos grandes medos. Conexión, finalmente, non é prolongación sine díe da nosa xornada laboral. Por iso é fundamental ter un deseño claro do noso PLE, experimentar con todo e seleccionar aquilo que sexa acaído ao noso xeito de traballar. 

Do mesmo xeito que os nosos pais estudaron dun xeito diferente ao noso porque a súa realidade é diferente da nosa, non podemos esperar que sexa o alumnado quen se adapte a nós e ás nosas vontades. Internet vai ser a súa gran ferramenta de consulta e nos deberemos estar preparados para pilotalos no seu uso: a curación en contidos é o futuro da docencia.

luns, 23 de marzo de 2015

Emigrantes



Esta marabilla en forma de banda deseñada muda é Emigrantes, de Shaun Tan. Seguramente a atopedes nas vosas bibliotecas máis próximas, pois trátase dun libro de referencia na banda deseñada contemporánea.

O fantástico dunha historia sen voz é que vós mesmos podedes achegarlla, crear o fío narrativo que una as imaxes.

Este terceiro trimestre propóñovos traballardes a expresión oral creando unha historia coa que acompañedes as imaxes de Emigrantes.

O resultado do voso traballo debe ser un vídeo (déixovos total liberdade de creación) en que como única condición indispensable debe escoitarse a vosa voz narrando a historia.

O xeito máis doado de facelo é creardes vós un vídeo coa voz en off usando como base estoutro que aparece aquí embaixo.





Hai moitas ferramentas de balde na rede para a edición de vídeos e unha das que seguramente teñades vós nas vosas casas sexa o Windows Movie Maker. Aquí vos deixo un pequeno titorial para poñer a voz en off.